domingo, 30 de septiembre de 2007

Presentación (galego)

Inspirados polos movementos sociais que se teñen alzado nos últimos meses en contra da asignatura de Educación para a Cidadanía (como forofamilia.org ou hazteoir.org) chegamos á conclusión que xa é o momento de facer oír a nosa voz ben alto e sen complexos.

Ao igual que as distintas asociacións que manifestan sentir os seus dereitos vulnerados pola decisión do actual goberno de impoñer a asignatura de Educación para a Cidadanía aos seus fillos, declaramos que somos moitos e moitas os que non podemos calar máis ante o que entendemos como unha vulneración igual de grave do noso dereito a educar aos nosos fillos segundo a nosa conciencia.

Temos observado como en diversas asignaturas impartidas impunemente dende hai anos aos noso fillos, se trasmiten ideas contrarias ás nosas crenzas e por isto esiximos a retirada de ditas asignaturas dos colexios. De non producirse a eliminación destas asignaturas, que claramente atentan contra a nosa moral, promoveremos a obxeción de conciencia recomendando a todos os pais que non envíen aos seus fillos a estas clases e aos estudantes que abandonen as aulas cando os profesores as impartan.

Pola nosa parte consideramos que a asignatura de matemáticas resulta inaceptable no noso sistema educativo, xa que nela se explican conceptos incompatibles coas nosas crenzas. Nesta asignatura, imposta polos distintos gobernos deste pais, non só se estimula aos nenos a que pensen en termos lóxicos, senon que se expoñen teorías claramente contrarias á nosa crenza de que a multiplicación de pans e peixes é posible se se conta co mesías axeitado.

En base a este mesmo exemplo os nosos asesores xurídicos estan a estudar a posibilidade de pedir tamén a eliminación da asignatura de química, xa que temos noticia de que nela se intenta adoctrinar aos alumnos con consignas tales como que "a materia nin se crea nin se destrúe", idea ésta que tamén vai en contra do exemplo dos pans e os peixes xa mencionado.

Non descartamos pedir tamén no futuro o peche das facultades de mediciña en tanto non inclúan unha asignatura adicada á resurreción dos mortos, tema que a día de hoxe está a ser silenciado sen xustificación de ningún tipo.

Agardamos a colaboración de todos aqueles pais e nais preocupados coa educación dos seus fillos e agardamos as súas ideas para a supresión de outras asignaturas que vulneren os seus dereitos.

Esperamos tamén que as asociacións que se están a manifestar en contra da asignatura de Educación para a Cidadanía nos apoien nos nosos propósitos igual que nós os apoiamos nas súas reivindicacións.

Agardamos os vosos comentarios.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Xa que se abriu a veda e cada quen pode obxetar, eu quero obxectar sobre as normas ortográficas, quero que meus fillos escriban libremente como lles pete, sen ataduras, así que vou escriber unha obxeción para que no insti ao meu fillo non lle esixan esas chorradas.

En fin, ben pola ironía e ben por ridiculizar aos que se cren con dereito a obxectar dunha lei educativa básica, coido que o único dereito que teñen e deben ter e a non escolarizar aos seus fillos, pero educación á carta ata o punto que a queren levar non é posible.

Anónimo dijo...

Para que quer um futuro parado saber escrever ou ler. Fora as ñínguas e as gramáticas, fora as matemáticas e a física. Quero que seja de obrigado estudo a minha Religiom, A do santo nabo na berberechinha.

Im-Pulso dijo...

Noraboa polo texto, ás veces é máis efectiva a ironía que o razonamento directo.